[Softlibre-edugal] ¿quen se fará cargo do PLAN TIC que será obrigado polo Decreto da ESO

jjgr en edu.xunta.es jjgr en edu.xunta.es
Lun Mar 12 18:27:21 CET 2007


¿Terán cabida iniciativas de S L aqui? ¿HAbería que ir creando opinión, e informando aos centros NEstes MOmentos?

Cuestións como as habituais.

HOras, REsponsbles Interdeparatmentais ou Creación de Dpto M ultimedia (Como xa existe nas Escolas de Idiomas!)

saúdos


DECRETO DE CURRICULUM DA ESO        OBRIGATORIAMENTE NOS CENTROS TERÁ QUE  EXISTIR:

Anexo VI: Plan TIC 

Co fin de facilitar a consecución dos obxectivos que a Lei Orgánica de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia sinalan para as etapas de ensino obrigatorio, os centros educativos deberán elaborar e incluír nos seus Proxectos Educativos de Centro plans de integración das tecnoloxías da información e da comunicación que integren todas as actuacións do centro destinadas ao fomento do uso activo destas e á adquisición das competencias básicas. 
O Plan TIC de Centro será un documento deseñado para desenvolver a medio prazo en que, a partir da análise do contexto, se articulen todas as intervencións que se realizarán no centro en relación coa aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación ao traballo da aula, coa participación do profesorado das distintas áreas, materias e ciclos, de xeito que se convertan nunha peza crave na educación e formación das novas xeracións. A súa importancia social e o lugar preferente que ocupan xa na vida dos nenos e das nenas, fai que deban estar presentes nos centros 
educativos, de modo que aqueles adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para abordar con garantía de éxito a súa utilización nos diferentes contornos de aprendizaxe, familiares e de lecer. 
Trátase de que o alumnado, ao rematar a escolarización obrigatoria, acade unha competencia dixital. 
Ser competente na utilización das tecnoloxías da información e da comunicación como instrumento  de traballo intelectual implica utilizalas na súa dobre función de transmisoras e xeradoras de información e coñecemento. 

Para que isto se poida poñer en práctica con garantía de éxito e de coherencia, resulta necesaria a creación dun plan de traballo sobre a implantación do uso das tecnoloxías da información e da comunicación no centro e na aula que, unha vez aprobado, se incorpore á Programación Xeral Anual de Centro e a súa avaliación, á memoria do mesmo. Cada proxecto será único atendendo ás características e ás posibilidades que se poden acadar tendo en conta a situación xeográfica, o tipo de alumnado – aproveitando os coñecementos que xa posúe e procurando ampliar progresivamente as súas capacidades de uso das TIC-, a formación do profesorado e as infraestruturas dispoñibles. 


O seu deseño e posta en marcha son competencia de todo o equipo docente e estarán coordinados preferentemente pola persoa responsable das TIC no centro escolar. 

O Plan TIC garantirá a paulatina capacitación do alumnado nas competencias básicas que se pretenden, de cara á súa formación como cidadáns activos e solidarios. Con esta finalidade, empregaranse cun enfoque funcional as distintas tecnoloxías da comunicación e da información ao alcance do alumnado, para incidir en aspectos específicos destes soportes de cara a unha utilización eficaz, comprensiva e ética dos mesmos. 

O profesorado de todas e cada unha das áreas e materias de todos os niveis educativos, incluirá nas súas programacións as actividades previstas no proxecto segundo a temporalización que neste se acorde. 


Como marco para a elaboración deste Plan de traballo, xúntanse as características que deben terse en conta para a súa elaboración: 
-Estudo inicial tendo en conta as características de toda a comunidade, as iniciativas xa realizadas neste campo así como as expectativas e os intereses de cara ao futuro. 
-Iniciativas pedagóxicas innovadoras consensuadas, que inclúan todas as áreas e/ou materias do Currículo. Deberán incluírse os obxectivos que, a curto e longo prazo, se pretende alcanzar. 
-O tratamento da diversidade, a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como as medidas para promover a utilización das TIC en igualdade de condicións  rexeitando toda actuación discriminatoria; o fomento dos valores democráticos e a potenciación do uso da biblioteca escolar como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe. 
-A utilización dos recursos TIC existentes no centro e a organización dos espazos en beneficio do Plan. 

Plan de avaliación. 
As necesidades de formación do profesorado para a súa óptima execución. 
Medidas que se pensan tomar para difundir o proxecto entre o alumnado, as familias e a comunidade, para fomentar a súa participación e o aproveitamento das TIC. 

Cada plan deberá contemplar ademais, como mínimo, os seguintes Obxectivos Xerais: 

􀂄 Conseguir que o alumnado acceda ás TIC en xeral, e ao mundo de Internet en particular, con capacidade de procura de información e de tratamento crítico da mesma
􀂄 Impulsar a comunicación con outros centros e localidades, para coñecer e transmitir valores sociais e de respecto doutros costumes e doutras formas de vida. 
􀂄 Potenciar actividades de participación de toda a comunidade educativa nas diferentes 
actividades do centro: páxina web, xornal escolar, actividades culturais, etc. 
􀂄 Utilizar o ordenador como medio de creación, de integración, de cooperación e de expresión das propias ideas. 
􀂄 Utilizar programas e contornos que faciliten a aprendizaxe das diferentes áreas do currículo, así como favorecer a adquisición de habilidades e de destrezas. 
􀂄 Empregar as TIC para o traballo cotián e para as actividades da aula: programacións, actividades, controis, fichas... 
􀂄 Saber consultar e sacar información a través das TIC, tanto para temas profesionais como para experiencias interesantes para a súa actividade docente. 
􀂄 Intercambiar experiencias, coñecementos, actividades e participar en foros, chats... e diversas redes de colaboración como Internet. 
􀂄 Procurar a inclusión de toda a comunidade educativa a través das TIC. 


Seguimento e avaliación 
Realizarase unha avaliación continuada dos avances ou dificultades da posta en marcha do plan. 
Será necesario deseñar unhas pautas para o seguimento e avaliación, polo menos trimestral, do plan de integración das tecnoloxías da información e da comunicación polos coordinadores de ciclo e – en caso de existir- o coordinador do plan, que determinarán, cando corresponda, aspectos de mellora.